As matemáticas na malla

Xosé A. Arias

As aplicacións das matemáticas no xeito de vida tradicional galego eran moi variadas e moi apreciadas. A principios do século pasado, cando a escolarización aínda era moi escasa e reservada a uns poucos privilexiados, a matemática xa viña sendo usada pola xente dun xeito non moi sofisticado, pero como unha ferramenta de moita utilidade.

As matemáticas formaban parte do proceso malla coma doutras moitas situacións da vida. Vexamos logo unha das aplicacións que gardaba a matemática neste traballo.

A malla comezaba na terra coa sega (ou seitura), á hora de recoller o froito do terreo, xa fora trigo ou centeo. Nela os segadores axudados da fouciña cortaban as plantas polo pé e outra xente que viña atrás as poñía en monllos (ou mollos) atados con brencellos (ou vencellos) feitos da propia planta.

Logo íanse deixando os monllos en deitadas (5 monllos en cada deitada) ó longo da terra e, ó rematar de facer a sega, era o momento no cal se contaban os monllos en contas. As contas estaban compostas por catro deitadas, é dicir, 20 monllos. E concluíase o número de contas que daba a tenza. De seguido, arrexúntase os monllos de pé en medeiros antes de ser levados para a aira. Nos medeiros xuntábanse conta ou conta e media de monllos, en función do que puidera carrexar o carro, xa fose polo tamaño de este, polo tamaño da parella de vacas que o carrete ou polo lonxe que estivera a leira da casa.

Cuadrilla segando en Riotorto (Buriz - Guitiriz). Obsérvase ós homes segando e as mulleres atrás atando os monllos e deixándoos en deitadas. As nenas e nenos participaban da sega, para eles era toda unha festa.

Cuadrilla segando en Riotorto (Buriz – Guitiriz). Obsérvase ós homes segando e as mulleres atrás atando os monllos e deixándoos en deitadas. As nenas e nenos participaban da sega, para eles era toda unha festa.

A finalidade de “facer as contas” viña sendo saber cantas contas botaba unha terra, xa que daba unha dimensión da produción que esta tiña, dato importante para unha casa de labregos na cal da produción do cereal dependía a cantidade de pan que habería para o autoconsumo ata a próxima sega, e comparar así coas contas de pasadas producións e poder facer deste xeito unha previsión. Hai que ter en conta, que “o pan” sementábase cada ano en distintas tenzas polo barbeito, logo a produción podía cambiar non só polo tempo que fixera, senón tamén pola capacidade das distintas tenzas.

Por último, as monllos arrexuntados en medeiros súbense ó carro para levalos ó pe da aira, onde se colocarán todos xuntos no medeiro grande, tamén chamado meda, antes de proceder coa malla.

Meda na aira de Domingo de Leirón, en Guitiriz. Obsérvanse os monllos atados por brencellos agardando ser mallados.

Meda na aira de Domingo de Leirón, en Guitiriz. Obsérvanse os monllos atados por brencellos agardando ser mallados.

Queda visto, polo tanto, como se “facían contas” nas leiras do pan e da trascendencia desta ferramenta matemática para a mantenza dunha casa.


  • O vocabulario e contidos expostos sobre a malla foron recollidos a Luís Ferreiro de Cas’do Pego, Antonio Rodríguez González de Cas’Miracho e a Serafín Vázquez, todos eles de Guitiriz, no verán de 2014. Ben sabido é por todos, que a poucos quilómetros o vocabulario e as cantidades de monllos das deitadas e das contas pode cambiar, pero non a súa finalidade, sendo este un exemplo para que quede constancia.
  • As fotografías foron cedidas por Manuel Santamariña de Cas’Cachán de Guitiriz, na actualidade residente en Vilalba e presidente do IESCHA.

1 responses to “As matemáticas na malla

Comentarios: